21 jul 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS


RASTROS E PEGADAS


Non sempre que saímos ao campo é posible ver os animais que imos buscando, pero si nos fixamos ben por onde imos, solemos atopar indicios que nos indican que por eses lugares pasan eses animais. As pistas están en forma de pegadas, excrementos, restos de comida, comedeiros, sendas por fincas de herba, fozadas na terra, tobos, incluso algunha vez algúns restos óseos.

Todos estes rastros son de gran valor para as persoas que gozamos coa natureza, pois grazas a elas, podemos saber que zonas son interesantes para poder observar certos animais, xa que moitos ocupan unha extensión grande de terreo que marcan e vixían con frecuencia, co cal temos a oportunidade, nalgún momento, de chegar a velos en liberdade.


Pegadas: podemos atopalas de diferentes formas e tamaños,
 co cal é moi recomendable tanto debuxalas
coma facer moldes con escaiola, e na casa con calma comprobar en internet, xa que hai bastante xente que comparte información para a identificación, pois non é tan doado como aparece nalgunhas guías, nin as pegadas son tan perfectas como aí as representan xa que dependendo do lugar onde se atopen quedan dun xeito ou doutro. Con gañas e un pouco de paciencia podemos chegar a facermos cunha xeitosa información
.






 Plumas:
Acontece o mesmo que coas pegadas. Botando unha ollada aos sitios axeitados podemos recoller plumas caídas que pouco aportan á natureza e son de fácil conservación. Cada ave ten diferentes tipos de plumas e diferentes debuxos nas mesmas. Tamén poden variar segundo sexan das ás, da cola ou do peito. O mesmo acontece en moitas das especies en que existen diferenzas entre o macho e a femia. A maioría proceden das mudas que fan de forma natural, outras lles caen nas pelexas. Incluso cando un ave morre podemos facernos con algunha.










Comedeiros, por exemplo o tordo acostuma a ir sempre ao mesmo lugar a romper os caracois dos que se alimenta, co cal, cando vemos un sitio duro onde hai restos de caracois rotos, sabemos que é o lugar que acostuma utilizar o tordo para escachar os caracois que captura e eliminarlle a casca que non come. Con paciencia e escondidos podemos chegar a velo “en faena”.















Excrementos: moitos animais utilizan os seus excrementos como marcas territoriais. Cada un deles deposítaos en lugares estratéxicos como aviso e marca dos seus dominios.
Outros non, simplemente quedan onde cadre que estea nese momento.
Os excrementos de cada especie teñen unha forma diferente, por exemplo nos herbívoros teñen formas máis redondeadas podendo verse restos de herba. Os dos carnívoros soen ser máis longos e rematados nunha punta. No caso dos roedores son de forma cilíndrica e tamén poden aparecer restos de insectos neles.












Restos de comida:
Unha pista do posible paso de animais son os restos de sementes, froitos, herbas ou bulbos arrancados da terra. Cando pasamos preto de froiteiras é posible atopar algún froito no chan mordido ou peteirado. O primeiro que nos preguntarnos é se esas marcas que quedan no froito son dun paxaro, un roedor ou outro animal. Hai que ter en conta que un paxaro non deixa marcas de dentes. Os paxaros sacan bocados peteirando a froita deixando como si fosen pequenos buratos, mentres que os roedores soen deixar uns sucos estreitos onde se aprecian as marcas deixadas polos dentes.
Cando pasemos onde hai nogueiras, castiñeiros, abeleiras, carballos, ou plantacións de millo e centeo é moi posible que atopemos restos de froitos mordidos.


Restos óseos: está claro que os animais teñen que morrer polo motivo que sexa, pero non resulta doado atopar de forma natural os seus restos. Temos que pensar que están formados de calcio e moitos animais os poden morder para aproveitalos, incluso poden estar cubertos por terra e por plantas co que resulta máis difíciles de dar con eles. Algúns ósos como os dos micro mamíferos pódense descubrir dentro das egagrópilas, que son os restos que non poden dixerir e regurxitan sobre todo as rapaces.














Tamén atoparemos rastros na natureza que son moi desagradables. Referímonos ás pistas deixadas polas persoas. Non atoparemos un sitio na natureza, por escondido que estea, sen eses residuos, ou dito doutro xeito sen lixo. 

O ideal é que apenas se note o noso paso polo entorno natural. Se te moves con respecto na natureza, vas
ser un elemento máis da mesma na que te poderás integrar e fundir, e seguro que só con ese respecto extremo o libro da vida que te rodea irase abrindo e te deixará compartir os seu secretos mellor gardados.







 
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario