21 dic. 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

 


ANUROS ( ANFIBIOS SEN COLA)



Ra patilonga

Rana iberica
Rana patilarga

Especie: De cor variable predominando máis os tons pardos, aínda que tamén se pode atopar de cor ocre ou avermellado, e pintas ou manchas escuras no dorso. Nos solos cubertos de follas pode pasar bastante desapercibida.
Nos laterais da cabeza presenta unha mancha escura, a modo de anteface dende o fociño ate a altura das extremidades dianteiras.

Hábitat: Ten preferencia por regatos e ríos rápidos e de auga fría con boa cobertura vexetal nas beiras, aínda que tamén podémola atopar en charcas, lagoas ou en terreos moi húmidos e asolagados.

Curiosidades: Recoñecémola polo tamaño das extremidades traseiras, xa que son máis longas que en outras especies (se lle estendemos as extremidades traseiras cara a cabeza podemos apreciar como o talón supera a punta do fociño). Tamén porque posúe unhas grandes palmaduras interdixitais, o tímpano é máis pequeno co ollo, tendo a gorxa pigmentada cunha liña central clara. Debemos lembrar que non se deben coller nin manipular por ser animais que están protexidos.

Ameazas: Está afectada pola contaminación e alteración dos ríos e hábitats que frecuenta, pola construción de mini centrais, polas plantacións de eucaliptos e outras árbores como as robinias, acacias … e a introdución de fauna exótica. E unha especie protexida.


 
Ra verde

Pelophylax perezi
Rana común 
 
Especie: De cor verde con manchas irregulares negras, formando nas extremidades traseiras un barrado transversal. Aínda que ás veces podemos atopalas cunha coloración tirando a pardo, sempre presenta unha liña vertebral verde claro ou amarelenta.

Hábitat: Especie que gusta de augas tranquilas ou mesmo paradas. Podémola atopala en beiras de ríos grandes e en zonas remansadas, lagoas,encoros, pozas, etc.
É a ra máis acuática que atopar nesta terra.

Curiosidades: Ra moi ruidosa, xa que onde habita aparece en gran cantidade “croando”. Posiblemente, e debido a súa coloración, é moi posible que non a poidamos ver, pero case sempre si a escoitaremos. Esta ra pode vivir en zonas coas augas alteradas ou mesmo contaminadas.

Ameazas: A introdución do caranguexo vermello americano, que lle depreda as larvas.


 
Estroza “Ra de santo Antón”

Hyla arborea
Rana de san Antonio

Especie: Ra pequena e gordecha, inconfundible pola súa cor verde viva e brillante. É de hábitos gabeadores grazas ás dedas que rematan nunhas pequenas ventosas que lle permiten adherirse a calquera superficie para trepar.
Polos costados teñen unhas liñas de cor marrón escura ou negras, que van dende o fociño, pasando polos ollos, ata chegar as inguas separando o dorso do ventre que é de cor branco ou cincento.

Hábitat: Encontrámola en zonas húmidas con abundante vexetación, en lagoas, encoros con algún regato preto, e case sempre enriba da vexetación ou trepando por ela. É moi frecuente atopala enriba de toxos, silvas, etc.

Curiosidades: Grazas ao seu saco vocal, emite un canto moi forte comparado co seu tamaño, o que fai que nalgúns lugares a chamen “O Ranón”

Ameazas: O desecamento de zonas húmidas, os incendios e que durante moito tempo algunhas das lagoas que frecuenta usáronse como vertedoiros polos humanos,tamén lle afecta a introdución de especies exóticas.



 
Sapiño pinto

Discoglossus galganoi
Sapillo pintojo

Especie: Este sapo é máis parecido morfoloxicamente a unha ra que aos sapos, xa que ten a pel case sen verrugas e sen glándulas parótides. De patas longas aínda que non tanto como as ras tamén se move a saltos, algo moito máis raro nos outros sapos.
A pel dorsal é de cores pardos ou oliváceos con manchas irregulares ou bandas de cor máis escuro.

Hábitat: Sapo que acostuma estar moi ligado a auga, aínda que non é moi esixente coa súa calidade. É moi frecuente en arroios, pozas, charcas, prados, terreos de
asolagamento e tamén nas gabias.

Curiosidades: Polos costumes que ten este sapo, hai moita xente que o confunde coas ras.

Ameazas: A introdución de especies alóctonas invasoras e o desecamento de zonas húmidas.



 
Sapo común

Bufo bufo

Especie: É o anuro máis grande da nosa terra. De pel moi verrugosa, de cor variable dende gris terroso, amarelento areilla. Incluso podemos atopar algúns sapos de un pintado gris, negro, branco e con tons amarelentos, saíndose das cores mais comúns.
Anuro gordecho e con grandes glándulas parótides oblicuas e con forma de ril, que segregan un líquido viscoso e irritante que lle serve como defensa.

Hábitat: Pódese atopar en fragas, prados e hortas, sendo unha especie moi terrestre,
que gusta de solos con boa cobertura vexetal, e refúxiase baixo pedras durante o dia.

Curiosidades: Este sapo pode estar moito tempo totalmente inmóbil. Ten os ollos cun iris vermello ou dourado coa pupila horizontal.
Acostuma adoptar unha postura intimidatoria cando detecta un depredador, inflándose e levantando as patas traseiras para aparentar un tamaño máis grande.
Adoita acudir ao mesmo emprazamento acuático para depositar a posta de ovos que escolleu o ano anterior.

Ameazas: A contaminación de zonas húmidas polos vertedoiros incontrolados que aínda podemos ver nalgúns sitios que afectan a natureza ao descompoñerse os residuos, soltando líquidos e sustancias perigosas. Tamén se resinte pola introdución de especies alóctonas, e o exceso de insecticidas na agricultura.



 
Sapo corriqueiro

Bufo calamita
sapo corredor

Especie: Sapo cun aspecto parecido ao sapo común, aínda que é máis pequeno e coas glándulas parótides paralelas entre si cunha liña vertebral moi evidente de cor amarelo. Moi verrugoso. A cor dorsal adoita ser xaspeado, sobre un fondo verdoso.
Ten os ollos coa pupila horizontal e co iris de cor verde claro ou amarelento.

Hábitat: De costumes cavadoras, polo que adoita vivir en terreos areentos como dunas ou ladeiras pedregosas, co chan brando e solto, aínda que estea distante da auga.

Curiosidades: Este sapo acostuma poñer ovos en charcas pouco profundas e pequenas, co que aínda que sequen axiña non é problema para os seus cágados, xa que se desenvolven máis rápido que outras especies de anuros.

Ameazas: As ameazas máis frecuentes son a alteración do seu hábitat de reprodución, e os atropelos que sofren os adultos nas estradas.