ANUROS ( ANFIBIOS SEN COLA)
Ra patilonga
Rana iberica
Rana patilarga
Especie: De cor variable
predominando máis os tons pardos, aínda que tamén se pode atopar
de cor ocre ou avermellado, e pintas ou manchas escuras no dorso. Nos
solos cubertos de follas pode pasar bastante desapercibida.
Nos laterais da cabeza
presenta unha mancha escura, a modo de anteface dende o fociño ate a
altura das extremidades dianteiras.
Hábitat: Ten preferencia
por regatos e ríos rápidos e de auga fría con boa cobertura
vexetal nas beiras, aínda que tamén podémola atopar en charcas,
lagoas ou en terreos moi húmidos e asolagados.
Curiosidades: Recoñecémola
polo tamaño das extremidades traseiras, xa que son máis longas que
en outras especies (se lle estendemos as extremidades traseiras cara
a cabeza podemos apreciar como o talón supera a punta do fociño).
Tamén porque posúe unhas grandes palmaduras interdixitais, o
tímpano é máis pequeno co ollo, tendo a gorxa pigmentada cunha
liña central clara. Debemos lembrar que non se deben coller nin
manipular por ser animais que están protexidos.
Ameazas: Está afectada
pola contaminación e alteración dos ríos e hábitats que
frecuenta, pola construción de mini centrais, polas plantacións de
eucaliptos e outras árbores como as robinias, acacias … e a
introdución de fauna exótica. E unha especie protexida.
Ra verde
Pelophylax perezi
Rana común
Especie: De cor verde con
manchas irregulares negras, formando nas extremidades traseiras un
barrado transversal. Aínda que ás veces podemos atopalas cunha
coloración tirando a pardo, sempre presenta unha liña vertebral
verde claro ou amarelenta.
Hábitat: Especie que
gusta de augas tranquilas ou mesmo paradas. Podémola atopala en
beiras de ríos grandes e en zonas remansadas, lagoas,encoros, pozas,
etc.
É a ra máis acuática
que atopar nesta terra.
Curiosidades: Ra moi
ruidosa, xa que onde habita aparece en gran cantidade “croando”.
Posiblemente, e debido a súa coloración, é moi posible que non a
poidamos ver, pero case sempre si a escoitaremos. Esta ra pode vivir
en zonas coas augas alteradas ou mesmo contaminadas.
Ameazas: A introdución do
caranguexo vermello americano, que lle depreda as larvas.
Estroza “Ra de santo
Antón”
Hyla arborea
Rana de san Antonio
Especie: Ra pequena e
gordecha, inconfundible pola súa cor verde viva e brillante. É de
hábitos gabeadores grazas ás dedas que rematan nunhas pequenas
ventosas que lle permiten adherirse a calquera superficie para
trepar.
Polos costados teñen
unhas liñas de cor marrón escura ou negras, que van dende o fociño,
pasando polos ollos, ata chegar as inguas separando o dorso do ventre
que é de cor branco ou cincento.
Hábitat: Encontrámola en
zonas húmidas con abundante vexetación, en lagoas, encoros con
algún regato preto, e case sempre enriba da vexetación ou trepando
por ela. É moi frecuente atopala enriba de toxos, silvas, etc.
Curiosidades: Grazas ao
seu saco vocal, emite un canto moi forte comparado co seu tamaño, o
que fai que nalgúns lugares a chamen “O Ranón”
Ameazas: O desecamento de
zonas húmidas, os incendios e que durante moito tempo algunhas das
lagoas que frecuenta usáronse como vertedoiros polos humanos,tamén
lle afecta a introdución de especies exóticas.
Sapiño pinto
Discoglossus galganoi
Sapillo pintojo
Especie: Este sapo é máis
parecido morfoloxicamente a unha ra que aos sapos, xa que ten a pel
case sen verrugas e sen glándulas parótides. De patas longas aínda
que non tanto como as ras tamén se move a saltos, algo moito máis
raro nos outros sapos.
A pel dorsal é de cores
pardos ou oliváceos con manchas irregulares ou bandas de cor máis
escuro.
Hábitat: Sapo que
acostuma estar moi ligado a auga, aínda que non é moi esixente coa
súa calidade. É moi frecuente en arroios, pozas, charcas, prados,
terreos de
asolagamento e tamén nas
gabias.
Curiosidades: Polos
costumes que ten este sapo, hai moita xente que o confunde coas ras.
Ameazas: A introdución de
especies alóctonas invasoras e o desecamento de zonas húmidas.
Sapo común
Bufo bufo
Especie: É o anuro máis
grande da nosa terra. De pel moi verrugosa, de cor variable dende
gris terroso, amarelento areilla. Incluso podemos atopar algúns
sapos de un pintado gris, negro, branco e con tons amarelentos,
saíndose das cores mais comúns.
Anuro gordecho e con
grandes glándulas parótides oblicuas e con forma de ril, que
segregan un líquido viscoso e irritante que lle serve como defensa.
Hábitat: Pódese atopar
en fragas, prados e hortas, sendo unha especie moi terrestre,
que gusta de solos con boa
cobertura vexetal, e refúxiase baixo pedras durante o dia.
Curiosidades: Este sapo
pode estar moito tempo totalmente inmóbil. Ten os ollos cun iris
vermello ou dourado coa pupila horizontal.
Acostuma adoptar unha
postura intimidatoria cando detecta un depredador, inflándose e
levantando as patas traseiras para aparentar un tamaño máis
grande.
Adoita acudir ao mesmo
emprazamento acuático para depositar a posta de ovos que escolleu o
ano anterior.
Ameazas: A contaminación
de zonas húmidas polos vertedoiros incontrolados que aínda podemos
ver nalgúns sitios que afectan a natureza ao descompoñerse os
residuos, soltando líquidos e sustancias perigosas. Tamén se
resinte pola introdución de especies alóctonas, e o exceso de
insecticidas na agricultura.
Sapo corriqueiro
Bufo calamita
sapo corredor
Especie: Sapo cun aspecto
parecido ao sapo común, aínda que é máis pequeno e coas glándulas
parótides paralelas entre si cunha liña vertebral moi evidente de
cor amarelo. Moi verrugoso. A cor dorsal adoita ser xaspeado, sobre
un fondo verdoso.
Ten os ollos coa pupila
horizontal e co iris de cor verde claro ou amarelento.
Hábitat: De costumes
cavadoras, polo que adoita vivir en terreos areentos como dunas ou
ladeiras pedregosas, co chan brando e solto, aínda que estea
distante da auga.
Curiosidades: Este sapo
acostuma poñer ovos en charcas pouco profundas e pequenas, co que
aínda que sequen axiña non é problema para os seus cágados, xa
que se desenvolven máis rápido que outras especies de anuros.
Ameazas: As ameazas máis
frecuentes son a alteración do seu hábitat de reprodución, e os
atropelos que sofren os adultos nas estradas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario