11 jul 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

 
 
Animais que están a desaparecer

Aves II






Escribenta das canaveiras

Emberiza schoeniclus
Escribano palustre


Descrición: A escribenta das canaveiras e unha ave de mediano tamaño que presenta unha plumaxe dominada polos tons pardos e acastañados no dorso e abrancazados con algunhas listas no ventre.
O macho co plumaxe nupcial loce a garganta e a cabeza dun intenso cor negro, así como un colar e unha bigoteira brancos. Nesa época, tamén a cabeza e o peito da femia tenden a escurecer, aínda que carecen do colar branco.
Ten unha lonxitude de (15-16,5 cm) e unha envergadura de (21-28 cm).

Hábitat: elixe case exclusivamente zonas palustres con abundante vexetación preferentemente de carrizas, aínda que adoita desprazarse a campos abertos próximos as zonas húmidas e bordos de cultivo para alimentarse de sementes. Prefire carrizais pouco densos, con pouca auga superficial, onde se reúne en dormitorios durante o inverno.

Canto: Frecuentemente emite un “tsiiu “suave e algo melancólico cando se move entre a vexetación. O canto é unha estrofa rápida stri-i-i-pp e un trino lento e indeciso, tip, tirip, stirip.

Alimentación: A maior parte do ano aliméntase de sementes de diversas plantas. No período reprodutor, como sucede con outros granívoros, incorpora á dieta diferentes invertebrados, sobre todo insectos, que constitúen ademais o alimento básico dos seus polos.

Ameazas: A escribenta das canaveiras é un dos nosos paseriformes máis raros e ameazados, pois vense minguar as súas poboacións nos últimos tempos. Durante o inverno, con todo, recibimos exemplares procedentes de Europa, aínda que o seu número tamén representa un descenso. A desaparición ou alteración dos espazos húmidos e os problemas derivados da intensificación agrícola parecen estar detrás dista situación.

Niño: A reprodución comeza a principios de maio coa selección de zonas de carrizas apropiadas. O niño constrúeo a femia entrelazando fragmentos de diferentes plantas, brións, plumas e pelo para formar unha cunca que coloca na base da vexetación palustre, como carrizos ou xuncos. As veces, pode seleccionar un emprazamento a certa altura, entre as pólas dalgún salgueiro.













Merlo rieiro
Cinclus cinclus
Mirlo acuatico


Descrición: Esta ave de mediano tamaño, coa cola curta e as ás mais ben pequenas, posúe un corpo repoludo e compacto que lle outorga un aspecto característico. Na súa plumaxe dominan os tons pardos moi escuros, case negros no dorso, que dan paso a outros de cor chocolate na cabeza, o pescozo e o ventre. Loce un rechamante babeiro branco que se estende ata o peito. As patas son curtas e robustas e o pico é fino en forma de daga. 

Este merlo ten unha lonxitude de (17-20 cm) e unha envergadura de (25-30 cm).
De carácter nervioso, esta ave voa rapidamente sobre a superficie da auga e móvese con soltura entre as pedras do río antes de lanzarse a mergullarse. Cando está pousada adoita mostrarse inqueda, levantando a cola e realizando continuas flexións coas patas.

Hábitat: A especie restrínxese a cursos de auga pouco alterados, así como de profundidade escasa, que permita o afloramento de pedras no curso do río cunha boa calidade da auga que posibilite a presenza de ricas poboacións de invertebrados acuáticos.
O entorno debe ser o máis natural posible, aínda que pode soportar unha presenza moderada de transeúntes e actividades humanas.

Alimentación: É un especialista no consumo de invertebrados acuáticos, particularmente larvas de efémeras, moscas das pedras, libélulas e escaravellos acuáticos, aínda que tamén inxire outros insectos, moluscos e pequenos crustáceos.
Para capturar o seu alimento, busca de forma moi activa, ben mergullándose por completo ou ben sen mergullarse completamente baixo as pedras e entre as algas. Realiza frecuentes e continuas inmersións de poucos segundos, entre 5 e 10 por minuto.

Niño: Os dous membros da parella entréganse á construción dun niño esférico ben rematado, realizado a base de brións e herba, que ocultan aproveitando ocos e fisuras entre as rochas ou baixo troncos e pontes, polas marxes do río. Tamén aceptan sen dificultade as caixas niño para reproducirse. Habitualmente pode existir unha segunda posta.








Moucho de orellas

Otus scops
Autillo europeo

Descrición: A mais pequena das nosas rapaces nocturnas de lonxitude (19-21 cm) e envergadura (47-54 cm). Ave que pasa moi desapercibida polo excelente camuflaxe que lle proporciona a súa plumaxe, confundíndose moi ben cos troncos das árbores sendo moi difícil de ver, pero fácil de escoitar na primavera e verán xa que ten un característico canto un “tiuu” ou “kiuu” afrautado, que soe repetir cada 2 ou 3 segundos, pola tarde cedo, aínda sendo dia. Posúe unhas plumas facéndolle unha forma de orellas que son o que lle da nome.

Hábitat: De carácter forestal, aínda que prefire formacións arbóreas non moi densas como bosques de ribeira, parques , carballeiras e piñeirais abertos.
Aniña en buratos das arbores, niños de peto, niños de córvidos, as veces en paredes, e construcións humanas e acepta moi ben as caixas niño.

Alimentación: A súa dieta componse principalmente por invertebrados (bolboretas, grilos, saltóns,etc), aínda que as veces tamén captura pequenos vertebrados (roedores, aves, réptiles).
Temos que saber que se trata de un migrador transahariano, polo que so o escoitaremos dende principios de primavera.

Ameazas: O moucho de orellas aparece como ”De especial interés ” no catalogo nacional de especies ameazadas. Os principais problemas de conservación que sufre esta rapaz devense a alteración do hábitat, perda de soutos fluviais e arbores vellos, expansión urbanística, os incendios forestais e o emprego de sustancias tóxicas na agricultura o que fai que teña unha gran diminución de insectos sendo estes as súas presas. 



 
Andoriña de cu branco

Delichon urbicum
Avión común

Descrición: Pequena andoriña de aspecto compacto, lonxitude de (14 cm), envergadura (28 cm), negro azulada brillante por arriba e branca por abaixo. Posúe ás longas e apuntadas, cola curta e gallada de cor negra; pico curto, plano e negro; boca moi ancha, e patas curtas cubertas de finas plumas brancas.
Este paxaro adoita observarse en voo e agrupado. O seu voo é rápido e áxil, aínda que menos co da andoriña común, e a miúdo voa a maior altura que esta. Póusase con frecuencia, ás veces no chan.

Alimentación: A súa dieta está baseada por insectos voadores de pequeno tamaño. As presas máis consumidas son moscas, mosquitos e pulgón. A técnica de captura consiste en voos acrobáticos de persecución en grupo, os cales se producen a unha altura intermedia entre a utilizada pola andoriña común (zona baixa) e os Cirrios (zona alta). Normalmente non caza a máis de dous quilómetros do niño.
Especie migradora e estival. En inverno, as aves desprázanse ao golfo de Guinea, no oeste de África, regresando despois a partir de febreiro.

Niño: A súa especialización no medio aéreo fai que este paxaro sexa moi independente do hábitat, agás para instalar o niño. Faino en pobos, presas, pontes, coa maioría dos seus niños situados en vivendas, habitando con éxito mesmo nas grandes cidades. Constrúe colonias de niños pegados aos edificios. Nalgúns lugares segue criando no seu hábitat orixinal, nos rochedos. Adoita durmir no niño, ás veces de modo comunal, e pode pasar a noite en voo.

Ameazas: Aínda que non é unha especie ameazada si se esta a notar unha diminución de parellas entre nós. Non sofre ameazas de importancia. Entre os posibles problemas citase o uso indiscriminado de plaguicidas, a eliminación deliberada de niños coa escusa de que ensucian edificios, a contaminación atmosférica urbana, así como a dificultade para nidificar en cidades polas novas técnicas de construción e a escaseza de lugares húmidos e charcas onde encontrar barro para o niño. No Catálogo Nacional de Especies Ameazadas aparece como "De especial interés".





Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.































No hay comentarios:

Publicar un comentario