25 abr 2015

O NATURALISTA



CONSELLOS PARA SER UN  BO OBSERVADOR DA NATUREZA
Traballo feito por Juan Ramón, Amancio Castro e Conchi Mumary da 
Asociación Andaríns do Val do Lérez
 
 
 
Un naturalista a diferenza dun simple excursionista non só sae ao campo para gozar dun paseo pola natureza, senón que ademais acostuma a ter uns importantes obxectivos como descubrir, observar e estudar os seres vivos, así como fixarse e tratar de entender o que acontece o seu redor, para realizar este empeño é moi bo ter as calidades de saber moverse no campo, estar moi atento e ter sempre os sentidos en alerta. A persoa debe ser moi curiosa, preguntarse sempre o porque disto, que será iso, porque acontece aquilo, quen faría iso outro, etc.
 

Deberá ter consigo sempre un caderno de campo, onde poder anotar todo o que acontece e as dúbidas que lle xurdan. Cos datos recollidos e unha vez na casa podemos contrastar a información xa sexa 
preguntando a algún compañeiro, comprobalo nalgunha guía ou por internet daríamos resposta ás posibles dubidas e ampliar a información dos descubrimentos que se fixeron durante a saída de campo. Son moi importantes as anotacións pois o que non se anota e esboza acaba esquecéndose máis pronto do que pensamos.


 Sempre é preciso ter paciencia, é saber esperar e nunca desesperar. Moitas veces ao moverte ou cando xa marchas e cando empezan a acontecer cousas interesantes. Si queremos ver seres vivos en total liberdade temos dúas posibilidades: esperar a que aparezan ou ir na súa busca.
Para esperar a que aparezan, teremos que localizar un sitio onde, xa sexa por que hai pegadas, vexamos tobeiras ou porque nese lugar localicemos sendas de paso de animais, sabemos que teremos algunha oportunidade para poder velos e aprender cousas novas. 
É importante para garantir o éxito da observación que teñamos en conta a dirección do vento para que non lles chegue o noso cheiro, tentar estar o máis quieto e mellor camuflado no ambiente, polo cal non deberiamos levar cores vivos senón ter as mesmas cores que hai nese punto da natureza. Polo contrario se decidimos ir o seu encontro, a gran maioría das veces quedaremos sen ter observado nada.
Un naturista sempre ten que saber valorar e coidar o que atopa na natureza, ten que ter como primeiro obxectivo o protexela, tendo moito coidado de non facer dano ou de estragar nada, cun mínimo de sensibilidade pasas a integrarte co medio pasando a ser un elemento máis do ecosistema do lugar. 
Hai que ter moi claro que na natureza todo cumpre unha función, por iso non hai cousas e seres nin bos nin malos; todos viven relacionándose entre si facendo que a súa existencia sexa necesaria e enriquecedora para o conxunto da vida no lugar.


Hai que ter moi claro as mostras que vas a coller, hoxe a fotografía permite facernos con imaxes impensables se as tivésemos que debuxar, sen embargo o debuxo do natural segue sendo o mellor método para observar e anotar as características dun ser vivo, captando aspectos moi difíciles de lograr nunha soa foto.

Cando se movan pedras para mirar a vida que agochan baixo delas, saber que temos que deixala con moito coidado tal e como estaba nun principio.
Nos niños e tobeiras ter o máximo respecto. Case sempre é preferible manter unha certa distancia para non molestar cando poden estar criando. 





 Recordar que na natureza sempre debemos de deixar o lugar, como mínimo, tal como o atopamos ao chegar.
Poñer a máxima atención nas posibles recollidas de mostras que necesitemos para un posterior estudo amosamos algunhas suxestións: 
AREA.- Temos que entender que se trata dunha pequena mostra de estudo, acontece que cando collemos máis cantidade, sóbranos e non a devolvemos ao mesmo lugar. Dalgún xeito hai que tratar de restituír a area tomada para estudio pois as areas e as gravas tardarían centos de anos en volver a formarse. 

AUGA.- Poderase coller algunha mostra cando se trata de auga corrente, facendo fincapé de que a auga, en contra do parecer tradicional, "é un ben limitado". No caso de augas paradas tomarase unha mostra con reservas.
 

PEDRAS.- Poderase levar algunha sempre que non forme parte dalgunha estrutura ou complexo xeolóxico (Unha terraza, un depósito de coios, un micropregamento, etc.). Pensade que unha pedra non ten importancia, pero unha cada persoa que pase por ese
lugar e colla unha, aínda que sexa pequena xa significa moito dano (sobre todo na súa faceta depredadora), si se fai en sucesivos anos incidindo nun punto xeolóxico determinado significa sen dúbida un espolio que vai en contra da filosofía de conservación e respecto do contorno. Moitas veces a simple retirada dunha pedra pode alterar a vida dun formigueiro, ou eliminar o refuxio de moitos animais que teñen alí a súa protección.
 
FOLLAS CAÍDAS.- Colleranse sen problemas nos parques e zonas urbanas onde sabemos que virán logo os da limpeza a recollelas. Nos bosques colleranse as menos posibles pois é máis importante tratar de explicar con ese exemplo, que as follas cumpren unha función natural ao descompoñerse pasando a ser un parte
fundamental do abono que necesitan moitos bosques para manter a súa demanda alimentaria natural que fará posible que segan vivindo cada unha das especies propias do ecosistema.

 

FLORA, FAUNA E FUNGOS.- Con respecto á flora, recoméndase non recoller nin estragar ningunha planta, xa sexa unha planta moi
vistosa ou unha simple estruga (cada unha delas ten unha función importante). Tendo en conta a excepción dos herbarios que teñan unha finalidade científica.


No caso da fauna teremos en conta as proteccións existentes para cada especie que inclúen a manipulación, cambio de lugar, captura de todo tipo, tendo moito coidado cos problemas sanitarios que podemos transmitir sen ser conscientes do dano que lle podemos
provocar á fauna. Existen excepcións como poden ser as persoas que están legalmente autorizadas para a manipulación, identificación, estudo e catalogación de certas especies con fins científicos. Sendo coñecedores das normas e medidas de protección obrigatorias. 

No caso dos fungos o maior respecto a calquera das especies, xa que todas son importantes sen que o que interese é que sexan comestibles ou non. Atención ao que recolles, e como o fas,
respectando o resto do fungo que non vemos (o micelio). Recolle só as que estean ben desenroladas e en boas condicións de comer. Atendendo á normativa recente.



Por iso pensamos que a filosofía que debe primar na nosa relación co medio natural, ser humano incluído, é a de que cada espécime está facendo unha función no lugar en que se desenrola, por iso cada planta, cada animaliño, cada fungo, cada bacteria ten unha misión pola cal se desenvolve nese sitio, importancia que debe estar separada de se é "beneficiosa" ou "prexudicial" para o ser humano, pois estas relacións nas que se pon por diante as "conveniencias" das persoas, só son válidas nos espazos humanizados como poden
ser o domicilio, a zona urbanizada e os cultivos, se ben moitas veces estas áreas expandímolas sen ter en conta que podemos estar depredando e contaminando entornos que de ningún xeito lle son propios.

Por todas estas consideracións rexeitarémo-lo colecciónesmo e incluso a observación agresiva que leve ó exterminio do observado e trocarémolo pola observación discreta do entorno, a fotografía e o vídeo, sempre que non altere os procesos naturais, e sobre todo potenciaremos o debuxo do natural e a anotación dos procesos e fenómenos observados no caderno de campo.


 


Material que precisariamos nas saídas de campo: 

- Un caderno de campo; un caderno cómodo onde poder anotar toda la información que recollamos nas nosas saídas, sempre podemos ter outro na casa para poder pasar a limpo as primeiras notas, xa que e posible que nas saídas apuntemos o mais importante e na casa engadamos algún dato mais a esa información. 
- Uns prismáticos; o que máis aconsellan son os de 8x30, pero podería valer calquera outro. 
- Unha lupa; sempre a poderemos necesitar para ver insectos pequenos ou partes dunha planta. 
- Un bastón; sempre é recomendable. 
- Un asubío; pode vir moi ben no caso de ter que pedir axuda, sempre se escoita mellor no campo un asubío que un berro. 
- Unha guía de campo; hai algunhas que son por ecosistemas, e serven para informarnos sobre as especies da zona onde estamos. 
- Poderíanos ir ben levar algunha caixiña, frasco ou bolsa; recordando que non se lle debe facer dano a ningún animal, pero as veces para poder apreciar algún detalle en algunha especie, pode ir ben un frasco transparente, soltándoo de seguido no mesmo sitio onde se atopaba.
 
 
 
 
 
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario