21 feb. 2015

ESTUDOS DOS ANDARINS

 

RÉPTILES QUE PODEMOS ATOPAR

 PRETO DE PONTEVEDRA
  
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro




 LAGARTO ARNAL

                                   
Timón lepidus 
Lagarto ocelado

Especie: O lagarto máis grande forte e robusto que podemos atopar en Galicia, de cabeza grande e
fortes mandíbulas, o igual que as extremidades.
Ten cor verde no dorso, cun xaspeado pardo ou negro, con manchas circulares de cor azul bordeadas de negro (ocelos). Gorxa e ventre de cor amarela ou verde clara sen manchas.

Hábitat: Podémola atopar en moitos e diferentes hábitats, dende zonas costeiras areentas ata ladeiras de calquera monte, pasando por leiras de cultivo, sempre que eses sitios estean ben sollíos e abrigados, preferiblemente con rochas onde refuxiarse.

É moi común atopar esta especie nas estradas asollándose ou moi preto de buratos escavados por eles como refuxios en terrapléns ou muros de terra. Lagarto moi territorial.

Tamaño: Os de maior tamaño non adoitan superar os 18 - 20 Cm cabeza + corpo, e outros 40 Cm de cola.

Curiosidades: Aliméntase tanto de insectos como de vertebrados como: ratos, musarañas ou incluso algunha lagarta.

Acostuma ter unha actitude ameazante cando se ve acurralado, abrindo moito a boca cara a ameaza podendo chegar a morder con forza, aínda que o normal é que cando nota unha posible ameaza, fuxa rapidamente antes de enfrontarse a ela.

Ameazas: Aínda que é unha especie bastante abondosa, hai zonas onde por mor dos incendios forestais nótase que está a baixar a súa poboación. Teñen como depredadores naturais ás aves rapaces diúrnas e ás cobras lagarteiras.






LAGARTO DAS SILVAS


Lacerta schreiberi 
Lagarto verdinegro 

Especie: Lagarto grande, aínda que de menor tamaño que o lagarto arnal.

De cor verde viva ou da cor da herba con finas manchas negras, máis abondosas nos machos, sendo as manchas nas femias máis grosas, ao igual que a cor dun verde máis apagado ou incluso marrón.

Nos machos apréciase claramente unha cor azul nos laterais da cabeza, sendo máis intenso na época de celo. Na femia tamén se pode apreciar, sendo menos intenso que nos machos.

Hábitat: Podémolos atopar en moitos ambientes (matos, viñedos, beiras de camiños, prados), sempre preto de vexetación onde se refuxia á menor ameaza, sobre todo nas silveiras.

Tamaño: Os de maior tamaño poden chegar os 13 Cm cabeza + corpo, e 30 Cm incluíndo a cola.

Curiosidades: Esta especie é moi frecuente atopala nas beiras dos ríos ou mesmo nas praias fluviais. Hai persoas que lle chaman lagarto da auga ou lagarto de río.

Ameazas: As maiores ameazas son os incendios forestais, a degradación de zonas húmidas , os vertidos e a contaminación dos ríos.





LAGARTA GALEGA


Podarcis bocagei 
Lagartija de bocage

Especie: Lagarta de tamaño medio, dunha coloración formada por bandas ou liñas verdes, negras e amarelas, cos laterais de cor pardo. Nas femias a cor predominante é o marrón con bandas negras e amarelas.

Na zona ventral a cor vai dende o amarelo ao laranxa, máis escuro e intenso na época de celo.

Hábitat: Ocupa moitos tipos de hábitats como zonas rochosas, areais, muros vellos, cantís e zonas rochosas costeiras, terreos forestais, camiños degradados, mesmo habitando en calquera pobo.

Tamaño: Miden entre 5 e 7 Cm cabeza + corpo, e entre 10 e 13 Cm máis de cola.

Curiosidades: Lagarta que pode abandonar a hibernación os días de inverno máis sollíos, volvendo a hibernar cando non hai a calor suficiente.
Podémola atopar en zonas sombrizas e húmidas dos nosos vales e bosques. Especie endémica do noroeste peninsular.  
Ameazas: Os incendios forestais, a construción de máis pistas forestais ou mesmo o ensanche das existentes.

Especies parecidas ou posibles confusións: Pódese confundir coa lagarta dos penedos, aínda que se nos fixamos ben podemos apreciar que na parte dorsal non ten unha cor tan verde como na lagarta galega. Nos machos é máis doada a diferenza pois na dos penedos non ten as liñas vertebrais tan definidas, a parte ventral soe ser de cor branca ou crema, e na gorxa non ten o punteado tan intenso como na lagarta galega.






ESCÁNCER COMÚN


Anguis fragilis 
Lución

Especie: Os machos son de coloración dorsal pardo ou marrón uniforme e poden ter manchas azuis. As femias teñen unha banda de cor ocre clara no dorso e unha liña vertebral de cor negra.

Esta especie carece totalmente de patas.

Hábitat: É unha especie de réptil que non precisa tanto de sol e calor, podéndoa atopar en zonas moi húmidas e sombrizas con bastante vexetación. Frecuenta prados, bordes de camiños, terreos de cultivo, pasteiros ou as beiras dos ríos. É máis raro atopalos en terreos abertos e despexados.

Tamaño: A lonxitude total está entre os 40 e 50 Cm. Curiosidades: Ás veces atopámolos nas beiras ou moi preto dos ríos onde está moi exposto e en ocasións mollado pola auga do río baixo algunha pedra das marxes.

Ameazas: Os praguicidas, incendios, destrución do hábitat, e atropelos nas estradas e pistas.










COBRA LAGARTEIRA COMÚN

  

 Coronella austriaca
Culebra lisa europea
Especie: Cobra de pequeno tamaño. A súa coloración pode ser parda, ocre ou gris. Na parte traseira da cabeza ten dúas liñas escuras que se fragmentan á altura do pescozo nunha serie de manchas transversais que lle percorren o dorso. Tamén teñen unha mancha ou liña nos laterais que van dende o orificio nasal ate o pescozo, atravesando o ollo. No ventre a coloración é bastante uniforme e pode ser de cor gris, parda ou negra.

Hábitat: Podémola atopar en moitos hábitats; fragas, piñeirais, bordes de prados, camiños de terra, terreos de labor, zonas húmidas como brañas ou en muros e valos.

Curiosidades: No debuxo intentamos reproducir as diferenzas máis evidentes entre a cobra lagarteira común e a cobra lagarteira meridional, xa que son bastante parecidas. É ovovivípara. Os ovos se incuban no interior da nai ata que as crías rompen a casca do ovo e saen ao exterior xunto cos restos das cascas.

Tamaño: Poden chegar os 70 - 75 Cm.  

Ameazas: Os incendios forestais, atropelos nas estradas e pistas forestais, e tamén os humanos, que non diferenzan entre velenosas e non velenosas, e non pensan no beneficio que producen na agricultura xa que se alimentan de ratos. Aplícanlle o termo bicha, e polo tanto danlle morte.

  

COBRA LAGARTEIRA MERIDIONAL

 

Coronella girondica 
Culebra lisa meridional

Especie: Cobra de pequeno ou mediano tamaño. De coloración pardo, ocre ou gris, moi parecido en coloración á cobra lagarteira común, pero un pouco máis pequena.

Na parte traseira da cabeza ten unha mancha escura que se bifurca a altura do pescozo, pasando no dorso a ser unhas manchas transversais.

A liña ou mancha escura que teñen estas cobras nos laterais da cabeza van dende o pescozo ate o ollo, e seguindo cara o outro ollo, a liña nunca chega ao orificio nasal.

Na zona ventral a coloración pode ser branca ou amarela cunhas manchas rectangulares negras, cun deseño en forma de taboleiro de xadrez.

Hábitat: Gusta de sitios de máis calor que a lagarteira común, atopándose en zonas máis secas e pedregosas con boa insolación, en toxeiras, matogueiras, muros de pedra e bosque con claros.

Tamaño: Entre os 50 e 60 Cm, podendo chegar os 70 Cm.

Curiosidades: No debuxo intentamos reproducir as diferenzas máis evidentes entre a cobra lagarteira meridional e a cobra lagarteira común, xa que son bastante parecidas. É ovípara, pon os ovos e os abandona, ao cabo duns días xurde a eclosión e saen as crías

Ameazas: Os incendios forestais, os atropelos nas estradas e pistas forestais e tamén os humanos que sen pensar no beneficio que producen na agricultura xa que se alimentan de ratos, trátanlle de dar morte e eliminalas do territorio. Esta fobia ven dende épocas remotas aplicándolle o termo bicha a calquera destas especies.



COBRA VIPERINA

Natrix maura 
Culebra viperina
Especie: Cobra de pequeno ou mediano tamaño. De coloración marrón, avermellado, verdoso. Cun deseño en zigzag no dorso, ten unhas manchas circulares nos flancos. Polo seu deseño e debuxo poderíase confundir cunha víbora, xa que tamén acostuma a imitala poñendo a cabeza en forma triangular como as víboras.

Hábitat: Sempre moi preto da auga doce, en ríos encoros, charcas ou lagoas onde ás veces pódese ver cazando peixes.

Tamaño: Dende os 60 Cm, ate 100 Cm.

Curiosidades: Especie moi dependente da auga doce, aínda que hai lugares cerca do mar onde tamén vive. Cunha pouca de sorte podémola ver dentro da auga entre as pedras do fondo, na procura dalgún peixe ou anfibio dos que se alimenta.

Ameazas: O deterioro e degradación dos ríos e masas de auga doce, os herbicidas e tamén a incultura de moitas persoas que seguen sen entender que son especies a preservar, que non nos van facer ningún mal e que enriquecen a biodiversidade do medio natural ao que pertencemos todos.




COBRA DE COLAR

 Natrix natrix 
Culebra de collar

Especie: Cobra de mediano ou gran tamaño. A coloración pode variar coa idade. De xuvenís poden ser dun ton azulado escuro ou prateado, e a medida que van facéndose máis adultos van cambiando, chegando a un verde oliva. Os adultos poden conservar a típica mancha do pescozo en forma de colar.

Hábitat: Aínda que tamén é acuática, ten menos dependencia da auga que a cobra viperina, polo que a podemos atopar en ríos, encoros, charcas, lagoas, terras de labor, fragas, piñeirais, e xardíns ou prados.

Tamaño: Pódense dar casos excepcionais de ate 200 Cm, aínda que o tamaño normal esta entre 100 e 140 Cm.

Curiosidades: Especie que podemos ver nadando en masas de auga doce ou vivindo lonxe de calquera zona acuática.
No debuxo quixemos mostrar os cambios de coloración dende xuvenís ate adultos ( arriba xuvenís, abaixo adulto).

Ameazas: A degradación e deterioro dos ríos e masas de auga, os incendios forestais, os atropelos e a morte a mans dos humanos.



SERPE RISCADA OU COBRA DE ESCADA

Rhinechis scalaris 
Culebra de escalera
Especie: Cobra grande. A coloración dorsal entre amarelento e ocre. Ten dúas liñas lonxitudinais de color negra ou pardo escura nos adultos. Algúns exemplares adultos teñen unha mancha escura dende o ollo á comisura da boca, máis frecuente nos xuvenís e cun debuxo dorsal, con dúas liñas lonxitudinais atravesadas por outras transversais facendo un debuxo en forma de escada de man( de onde lle ven o seu nome).

Hábitat: Prefire lugares con moito sol, principalmente en terreos secos e pedregosos. Podémola atopar tamén en muros, piñeirais, campos de labor e ás veces en zonas de rochas ao bordo do mar.

Tamaño: Normalmente entre os 130 e 150 Cm.

Curiosidades: Polas noites, podémolas ver nalgunhas estradas, aproveitando a calor retida no asfalto.

Esta cobra cando se lle molesta ou acurralada móstrase bastante agresiva, abrindo a boca e tentando morder.

Ameazas: Os incendios forestais, atropelos nas estradas polo costume de aproveitar a calor polas noites. Tamén vítima da “persecución cultural” que sofre.




COBREGÓN 

  Malpolon monspessulanus 
 Culebra bastarda


Especie: De tamaño grande, posiblemente a máis grande de Galicia. De coloración verde oliva ou marrón. Nos flancos pode ter manchas claras orladas de escuro, e a zona ventral de cor amarelo.Ten unha cabeza moi rechamante sobre todo polas placas supra oculares, xa que son saíntes e faille un cello pregado, dándolle un aspecto fero.

Hábitat: Especie que acostuma estar en zonas bastante abertas a solearse, bordos de camiños, campos de cultivo, piñeirais ou, as veces en lugares próximos á beira do río.

Tamaño: Normalmente entre 100 e 150 Cm.

Curiosidades: Podémola atopar enriba dalgún arbusto pequeno, como poden ser as vimbieiras que rodean as terras de labor. Cando se ve acurralada acostuma bufar bastante forte e tamén fai o amago de morder levantando parte do corpo en clara sinal de ameaza.

Debido a que é unha das especies velenosas que temos en Galicia, é aconsellable non molestalas e sempre gardar unha distancia de seguridade con respecto a elas. (Como distancia de seguridade mínima, podemos calcular o seu tamaño e gardar esa mesma separación).
Veleno: Ten os dentes inoculadores de veleno na parte posterior da mandíbula superior. Estes dentes teñen unha pequena acanaladura por onde discorre o veleno. Debido a súa posición é moi difícil que cheguen a inocular o veleno, agás os exemplares máis grandes.

Ameazas: Os atropelos tanto en estradas como en pistas forestais, xa que aproveita os espazos despexados para poñerse ao sol, os incendios forestais, e tamén a man dos humanos.






VIBORA DE SEOANE

Vipera seoanei  
Víbora de seoane

Especie: Corpo pequeno, de cabeza triangular ensanchada na parte posterior. Pupilas verticais. Na parte posterior da cabeza ten dúas bandas en forma de V co vértice apuntando para adiante non sempre unidas entre si. Ten unha mancha escura dende o ollo ate o pescozo.

A coloración máis común é a de cor ocre ou castaño claro con deseños marróns. O debuxo dorsal soe ser unha banda vertebral ancha e marrón, con manchas escuras bordeando a marrón e facendo un zigzag. Nos costados tamén ten manchas escuras redondeadas.

Ten fociño entre achatado e redondeado, sen o ápice levantado.

Hábitat: Zonas de uceiras ou toxeiras. Podémola atopar en zonas húmidas como poden ser as brañas, e tamén en zonas secas e soleadas, en piñeirais, prados, terras de labor, bordos de camiños. Ás veces incluso se poden ver nalgún río.

Tamaño: Entre 45 e 60 Cm.

Curiosidades: Na tempada de máis calor pode estar activa pola noite, co cal pode resultar máis difícil de ver. Aínda que gusta de lugares secos e soleados, durante o dia acostuma estar á sombra dos toxos, sen que lle teña que dar o sol directamente.

Cando se fala da víbora de seoane, temos que ter en conta que pode aparecer con diferentes coloracións, e quixémolas mostrar no debuxo para que non teñamos confusión e levemos unha sorpresa desagradable cando nos topemos con ela.

Debido a que é unha das especies velenosas que temos en Galicia, é aconsellable sempre gardar unha distancia de seguridade con respecto a elas. (Como distancia de seguridade mínima, podemos calcular o seu tamaño e gardar esa mesma separación entre ela e nós).


Veleno: As víboras teñen os dentes inoculadores na parte dianteira da mandíbula superior, polo cal pode inxectar ben o seu veleno. Estes dentes son ocos como se fosen xiringas. O seu veleno non adoita ser de elevada toxicidade, pero si require de tratamento médico, sobre todo nos nenos, os enfermos e as persoas maiores ou dependendo da zona do corpo na que te pique.

Ameazas: Os incendios forestais, os atropelos nas estradas ou pistas forestais, e os humanos que teñen unha formación cultural equivocada.

















La

ga


No hay comentarios:

Publicar un comentario