25 jun 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

 



Animais que están a desaparecer.
Insectos. II





Lucanus cervus.
Vacaloura, Escornabois.
Ciervo volante.
A vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus) trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais.
Os adultos aliméntanse do zume das árbores (savia) tamén se pode atopar lambendo froitas maduras para extraerlle o zume para o cal utiliza a súa lingua amarela e peluda.
Especie mais activa pola tarde e pola noite. Poden voar, alcanzando velocidades de ata 6km/h.
Este insecto é considerado o maior escaravello de Europa. O tamaño oscila entre 30 e 90mm no caso dos machos e 28 e 45milímetros nas femias.
Existen diversas teorías sobre como se aparean, aínda que a máis probable é que os machos se agrupen en torno ás femias e as disputen en combates que poden chegar á morte dun dos contrincantes.
As femias poñen os ovos nas fendas dos árbores, e estes teñen a súa eclosión ao redor de dúas a catro semanas da posta.
Reprodución.
Os machos nas horas cálidas do atardecer buscan os puntos de donde extraer o zume vexetal(savia). Se nese punto, poden coincidir varios machos, entón engárzanse nunha loita incesante. Os machos acometen mutuamente as cornamentas trábanse, cada un intenta levantar o seu opoñente no aire, co cometido de tiralo fora da árbore. Tamén expulsan as femias. Despois de unha loita que pode durar horas queda co control do lugar unha parella.
A larva.
A larva deste insecto pasa de tres a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos.
As larvas desta especie teñen un apetito moi voraz: de tan só un gramo de peso, poden comer nun só día 22,5centimetros cúbicos de madeira. As larvas alcanzan un tamaño cosiderábel, chegando incluso a 10centímetros de longo.
O tempo de vida trala metamorfose é moito máis curta cá vida sendo larva.
Actualmente a vacaloura ou escornabois é un insecto protexido, xa que está en perigo de extinción. A especie está en regresión debido á perda do seu hábitat e á caza polos seus cornos, pois é un exemplar moi apreciado, en algúns países esta totalmente prohibido sa sexa para coleccionar, matar, ou incluso alonxalos do seu hábitat.
Lendas.
Os cornos da vacaloura, son considerados en Galicia amuletos protectores e moi usados para protexerse contra as meigas e o mal de ollo Lévanse no peto ou colgados sobre o peito, dentro dunha bolsiña; no caso dos meniños, un destes cornos atado no pulso protéxeos contra o enganido (raquitismo).
 

Non teño medo ós teus ditos
nin medo do teu meigallo
que ando cunha vacaloura
e catro dentes de allo.

Alimentación.
As vacalouras adultas succionan o zume(savia) de varias árbores frondosas, preferiblemente do carballo. Mentres as femias son capaces de roer coas pinzas maxilares a cortiza e acceder a savia, os machos deben buscar puntos abertos, por donde flúa. Oriéntanse polo olfacto. Sendo atraídos polos aromas desprendidos polas femias, sinalizando os puntos de saída da savia polo esparexemento de excrementos en tódalas direccións.

Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.







Oryctes nasicornis.
Escaravello rinoceronte.
Escarabajo rinoceronte.


O escaravello rinoceronte (Oryctes nasicornis) é xunto a Vacaloura (Lucanus cervus), e o escaravello máis grande de Europa.
É un insecto absolutamente inofensivo, por non facer dano, non o fai nin á madeira da que se alimenta.A pesar do seu tamaño pode alcanzar os 6 Cm de lonxitude. De aspecto fero, os machos presentan unha especie de corno que recorda enormemente ao dos rinocerontes, teñen un corpo moi robusto de coloración castaña máis ou menos escura e uniforme. O escudo cervical presenta dobras e entalladuras notables

A larva.

As larvas con aspecto de verme de gran tamaño desenvólvense durante anos en raíces e cachopas mortas, así como en serradoiros, ou bosques donde atope restos de madeira en descomposición material do que se alimenta sa sexa no chan ou escavando galerías na madeira podre. Malia o gran tamaño das larvas, estas non son perigosas. Podéndose atopar larvas deste insecto enterradas no chan xunto a outros vermes brancos.Tarda de tres a cinco anos para se desenrolar ate a súa transformación en pupa que realiza nunha cápsula no chan do tamaño de un ovo de galiña.

Alimentación e forma de vida.
 
En estado adulto a súa vida é moi curta, de apenas uns meses, e está dedicada á reprodución. Nese período de madurez, o escaravello rinoceronte non se alimenta ou faino ocasionalmente libando zume(savia) dalgunhas árbores, preferiblemente carballos. De actividade nocturna, por desgraza para o escaravello rinoceronte, ten tendencia a voar arredor de farois e fontes de luz, polo que acaba caendo ao chan e morren se finalmente non pode remontar o voo ou é presa dalgún depredador.
Ademais dos depredadores habituais, como raposos, rapaces nocturnas e réptiles, as larvas do escaravello rinoceronte son parasitadas por unha especie de himenóptero
(Scolia flavifrons), unha avespa de tamaño grande, acorde ao que posúe o noso protagonista.
Os seus voos son potentes e para levalos a cabo necesita un gran desgaste enerxético, tendo en conta o seu tamaño.
Os machos destes coleópteros presentan unha protuberancia na parte frontal da súa cabeza, un corno que empregan para escarvar na terra e ocultarse dos seus inimigos, así como para loitar entre eles buscando a atención das femias. As loitas soamente pretenden voltear ao contrario e demostrar a superioridade do máis forte.

Destes escaravellos dise que son capaces de mover o equivalente a 800 veces o seu peso, e están incluídos entre os animais máis fortes do planeta, Cando falamos da forza dun animal estamos a comparar que tanto pode cargar un animal en relación ao seu propio peso. (O elefante só pode levantar 1/4 parte do seu peso, as formigas 30 veces o seu peso e o escaravello rinoceronte preto de 850 veces o seu peso)

O escaravello rinoceronte necesita, como outras especies de coleópteros, da madeira morta. Por iso é importante un equilibrio na limpeza e roza dos bosques. A presenza de madeiros mortos, cachopas, raíces podres ou froitos en descomposición é esencial para a vida de moitos seres, algúns deles non moi populares ou desapercibidos ao noso interese, pero tan importantes para a nosa biodiversidade como o son as especies de aves ou mamíferos que todos temos presentes.

Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.





 
Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory.
Cárabo galego.




O Cárabo galego. (Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory). E endémico de Galicia de 20mm a 28mm.

Este escaravello depredador, é facilmente recoñecible por ter os fémures de cor laranxa que contrasta co corpo acanalado de cor azul tirando mais o negro, sendo os machos un pouco máis pequenos cas femias.

Pertence á familia dos carábidos, un gran grupo de escaravellos(coleópteros) que se caracterizan por ser habitantes do chan, aínda que teñen ás, cústalles voar. Son principalmente depredadores doutros insectos.

Esta xoia biolóxica é especial. É capaz de mergullarse na auga, utilizando este recurso para escapar dalgunha ameaza, ou mesmo e capaz de atrapar algunha das súas presas baixo a auga.

Ademais de buscar refuxio dentro da auga tamén o fai debaixo das pedras ou entre o musgo húmido. Podémolo atopar baixo as pedras parcialmente somerxidas dentro da canle das correntes de auga.

A súa querenza polos cursos de auga cristalinos convérteno nun indicador da pureza da auga. Isto debese a que se trata dunha especie altamente sensible á contaminación das augas e a alteración do hábitat das beiras dos ríos e do bosque de ribeira, bosques alterados pola proliferación de eucaliptos, robinias, acacias ou mimosas que están a invadir completamente as ribeiras dos ríos alterando tamén o chan e o substrato onde viven se agochan e cazan, tanto o Cárabo coma outros insectos.
Isto faino vulnerábel, e debido a restrinxida área de distribución sitúano no Libro Rojo de los Invertebrados de España como especie vulnerábel. Si a isto engadimos que os nosos ríos e regatos están a ser alterados pola contaminación, entendemos que se vexa relegado a cursos de auga de montaña onde a auga adoita estar mais limpa.

Gusta de lugares sombrizos e de moita vexetación, con pequenas praias de area o carón do río, que é onde poñen os ovos, dos que nacen posteriormente as larvas que son alargadas e escuras xa coas patas desenroladas e fortes mandíbulas. Pode reproducirse tres ou catro veces o ano. Este número de xeracións débese a unha temperá actividade dende principios de marzo, prologándose ata outubro, mes no que hibernan tanto as larvas como os adultos.

A súa alimentación centrase en larvas e moluscos acuáticos, sendo grandes devoradores de típulas, pequenas lesmas, miñocas ou larvas doutros animais.




Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.




























No hay comentarios:

Publicar un comentario