3 feb. 2011

NOVA ESPECIE DE ORQUIDEA EN GALICIA

Ate o pasado mes de xaneiro, os botánicos tiñan clasificadas 39 especies de orquídeas na Comunidade Galega. Dous fotógrafos e naturalistas Ribeirenses, Xermán García Romai e Antonio Parada Mariño, atoparon o pasado 26 de xaneiro, no Parque Natural de Corrubedo, unha nova especie para a flora galega, a Barlia robertiana, orquídea que, ate o de agora, non estaba rexistrada en Galicia.


O sorprendente deste achádego é que se produza nun lugar tan investigado como o Parque Natural de Corrubedo e nunha familia, a das orquídeas, moi estudada ate a data de hoxe, pero que non recibiu incorporacións de novas especies dende 1989, ano en que se pechou o catálogo de orquídeas de Galicia e a Barlia robertiana quedou fora desta clasificación, ó non haber constatación da súa existencia en Galicia. A lista das orquídeas galegas, só sufriu dende entón lixeiras variacións na súa clasificación entre diversos xéneros, pero non se dera ate o de agora unha nova incorporación a este catálogo.

A familia das orquídeas en Galicia, composta agora por 40 especies, pasa xeralmente desapercibida para a poboación, xa que as plantas autóctonas nada teñen que ver no seu tamaño, coas orquídeas tropicais, que se poden atopar nas florerías. Así, o tamaño das súas flores, pode pasar dos 3-4cm dunha orquídea como a recen descuberta Barlia robertiana (a máis grande da Península Ibérica), ós 3-4mm do xénero Spiranthes, tamén presente en Corrubedo.



A Barlia robertiana, é tamén coñecida vulgarmente como orquidón ou orquídea xigante polo seu gran tamaño, xa que a planta pode acadar o metro de altura. Para os descubridores da especie, atopala nun lugar tan pouco humanizado, como as dunas do Parque Natural de Corrubedo, e tan alonxado da súa distribución coñecida (a máis próxima nas montañas de Asturias), sinala claramente que a súa presenza pasou totalmente desapercibida durante todos estes anos para a comunidade científica, sendo Corrubedo o lugar onde atopou as condicións naturais precisas para a súa conservación. Así tamén o adiantado da súa floración con respecto a outras orquídeas, puido facer que os estudosos desta familia non a chegasen a atopar en Corrubedo, a pesar de que fai relativamente pouco tempo, foi editada unha Guía das Orquídeas do Parque Natural de Corrubedo, na que non se sinala esta nova especie.



Os descubridores desta nova especie, Xermán García Romai e Antonio Parada Mariño, están actualmente elaborando unha publicación para dar conta do seu achádego ante a comunidade científica e facendo un seguimento desta nova planta, para observar en que estado se atopa a súa poboación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario